Comunidade

Comunidade de Montes Veciñais en Man Común San Cibrán de Guláns

Quen somos?

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común San Cibrán de Guláns é unha entidade de titularidade colectiva responsable da xestión, administración, protección e defensa do patrimonio comunal da parroquia.O monte é un patrimonio colectivo que pertence á comunidade e que debemos conservar, coidar e transmitir ás xeracións futuras.

Actualmente, no ano 2026, contamos cun censo de 134 persoas comuneiras composto por 32 mulleres e 102 homes. A nosa actividade vai máis alá da xestión forestal. Traballamos para manter e mellorar o monte, protexer os seus valores naturais, ambientais, paisaxísticos, culturais e patrimoniais e favorecer o seu uso social.

Para iso, traballamos en colaboración coas persoas comuneiras, coa veciñanza, cos colectivos da parroquia, coas administracións e con outras entidades.

Queremos construír unha Comunidade de Montes aberta, transparente e participativa, integrada na vida de Guláns e capaz de combinar conservación, prevención, uso social, educación, cultura e novas oportunidades para o territorio.

Misión

Protexer, conservar e xestionar de forma responsable o monte comunal de Guláns como patrimonio colectivo, integrándoo na vida social da parroquia e contribuíndo ao seu desenvolvemento e benestar, para garantir a súa integridade e os seus valores para as xeracións futuras.

Visión

Construír unha Comunidade de Montes aberta, transparente e participativa, cun monte coidado, seguro e diverso, integrado na vida de Guláns e capaz de combinar conservación, uso social, educación e diversificación produtiva.

Valores e enfoques

  • Sustentabilidade
    Coidar o monte pensando tamén nas xeracións futuras
  • Participación
    Favorecer a implicación das persoas comuneiras e da veciñanza
  • Interese colectivo
    Defender o monte como patrimonio común
  • Transparencia
    Informar, explicar as decisións e render contas.
  • Cooperación
    Traballar con colectivos, entidades, administracións e outras comunidades.
  • Coidados e cohesión
    Contribuír ao benestar colectivo e fortalecer os vínculos coa comunidade.

Liñas estratéxicas

Un monte multifuncional

Previr riscos e mellorar a conservación

Reforzar o vínculo entre o monte e a comunidade

Converter o monte nun espazo educativo, cultural e patrimonial

Consolidar unha gobernanza aberta, transparente e eficiente

A Xunta Reitora

A Xunta Reitora é o órgano responsable da representación, administración e xestión ordinaria da Comunidade de Montes, de acordo cos Estatutos e coa normativa aplicable. Está composta por un cargo de presidencia, un de vicepresidencia, un de secretaría, un de tesourería e catro vogalías. 

Actualmente, no 2026, a Xunta Reitora está composta por 6 persoas (2 mulleres e 4 homes) cos seguintes cargos:

  • Presidencia: Rebeca Cuevas González
  • Vicepresidencia: Francisco González Carracedo 
  • Secretaría: Florencio Porto Prego
  • Tesourería: Claudio Covelo González
  • Vogalía: Beatriz Soto Groba
  • Vogalía: Cándido Porto Barciela

Grazas por facer comunidade

O monte de Guláns é hoxe tamén froito do traballo de moitas persoas que, ao longo dos anos, dedicaron parte do seu tempo e esforzo á Comunidade de Montes. Queremos lembrar e agradecer especialmente a quen formou parte das anteriores Xuntas Reitoras e a todas as persoas que colaboraron de maneira desinteresada, contribuíndo a coidar, defender e manter vivo este patrimonio común.