O monte comunal
Un monte vivo, patrimonio de toda a comunidade

O monte comunal de San Cibrán de Guláns é moito máis que unha superficie forestal. É un territorio colectivo, resultado dunha longa relación entre a comunidade e o lugar no que vive.
É un espazo de natureza, traballo e aproveitamento forestal, pero tamén de auga, patrimonio, memoria, camiños, paisaxe, actividades sociais e encontro. Un territorio que forma parte da identidade de Guláns e que queremos conservar, coidar e transmitir ás xeracións futuras.
A Comunidade de Montes traballa para avanzar cara a un modelo de xestión responsable e multifuncional, que combine a conservación dos valores naturais e paisaxísticos co aproveitamento sostible dos recursos, a prevención de incendios, a recuperación progresiva das especies autóctonas e o uso social, educativo, cultural e deportivo do monte.
O Monte Veciñal en Man Común de San Cibrán de Guláns está situado na parroquia de Guláns, no concello de Ponteareas, e foi clasificado como Monte Veciñal en Man Común por resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común do 1 de febreiro de 1979, co nome de Guláns e ID Monte 3006.


A superficie clasificada nesa resolución era de 281 hectáreas. Na revisión posterior realizada no marco do Proxecto de Ordenación Forestal, a superficie de ordenación foi delimitada de maneira diferente, debido ás diferenzas detectadas entre os límites da clasificación e os límites reais do monte. Por este motivo, existen superficies pendentes de aclaración ou deslindamento.
Na actualidade, os datos de planificación utilizados pola Comunidade para 2026 identifican unha superficie total de 303,657 hectáreas, distribuída entre superficies de xestión propia, zonas cedidas, superficies pendentes de deslindamento ou con dúbidas, servidumes, superficies non forestais e outros elementos.


